[Campo Galego] A Consellaría de Medio Rural ven de informar favorablemente o regulamento de uso da marca de garantía “Produto do Eume” para distinguir no mercado produtos alimentarios de calidade orixinarios do territorio da bacía do río Eume.

Este informe favorable é necesario para que a asociación promotora desta marca poida rexistrala na Oficina Española de Patentes e Marcas. Así llelo comunicou a Directora Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables da Asociación Euroeume, promotora desta iniciativa.

Este colectivo será o titular e responsable desta nova marca, que ten como finalidade achegar ao consumidor produtos ou servizos de calidade autorizados por Euroeume, así como facer promoción deles, promovendo o seu prestixio e imaxe.

Ámbito xeográfico

Os interesados que sexan autorizados a usar a marca desenvolverán a súa actividade na Comarca do Eume (concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes), así como en comarcas limítrofes (Ferrol, Ortegal, Betanzos e parte dos concellos da Terra Cha, por compartiren a bacía do Eume).

Elementos como a produción e distribución a escala local baseada en materias primas da zona (baixa pegada de carbono), produción e manexo tradicional, respecto medioambiental e á paisaxe, así como o fomento do emprego local, todos eles elementos de cohesión do territorio, serán prioritarios á hora de poñer en valor a concesión do dereito ao uso da marca.

Así mesmo, e dados os valores naturais do territorio ámbito da marca, valorarase a certificación das diferentes producións en “produción ecolóxica” ou “produción integrada” e o cumprimento dos seus requisitos. Será obligatorio o cumprimento dos plans de ordenación de recursos naturais e o Plan Rector de Uso e Xestión dos espazos naturais protexidos nos que se asenten as actividades produtivas amparadas pola marca. Tamén é condición imprescindible estar adherido ás diferentes denominaciones de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IGP) existentes neste ámbito xeográfico, que amparen o produto que pretenda acollerse á marca como produto galego de calidade. As condicións específicas de cada subsector amparado desenvolveranse nos anexos do regulamento.