Quen somos
EuroEume é unha asociación sen ánimo de lucro, declarada de interese público, que ten por obxecto o desenvolvemento local.
Traballamos por un desenvolvemento sostible baseado nas potencialidades do territorio que, ademais da dimensión económica, contemple o benestar social e a conservación da natureza. Así este modelo fundaméntase no aproveitamento respectuoso dos recursos propios da comarca.
A Asociación pretende servir de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes interesados no desenvolvemento integral da comarca. EuroEume ten vocación de constituírse nun foro de debate onde consensuar as actuacións prioritarias para o territorio, creando espazos de encontro entre as entidades e persoas que traballan pola mellora do noso entorno. Por estes motivos é imprescindible manter a pluralidade política, a transparencia na xestión dos recursos públicos e o principio de porta aberta, que garanta a libre adhesión e participación na entidade.
A marca
As Marcas de Garantía son un concepto relativamente recente que aparecen como resposta as demandas dos consumidores de produtos cunha calidade certificada e polo desexo de diferenciación dentro do mercado por parte das asociacións de produtores, transformadores, comerciantes e prestadores de servizos.
PRODUTO DO EUME é un signo distintivo denominativo e gráfico protexido como unha marca de garantía de acordo co establecido no capítulo II do título VII da Lei 17/2001, de marcas, debidamente inscrita no Rexistro de Patentes y Marcas, cuxa titularidade ostenta a ASOCIACIÓN EUROEUME
Según a lei de Marcas, son signos utilizado por unha pluralidade de empresas baixo o control e utilización do seu titular, neste caso EUROEUME, que certifica que os produtos e servizos aos que se lles aplica a marca “PRODUTO DO EUME” cumpren uns requisitos comúns, especificados nun Regulamento de Uso, no que se indican os requisitos a cumprir polos produtores ou prestadores de servizos para acceder á marca: os sistemas de produción e xestión, orixe xeográfico, modo de elaboración, etc
Diferenciación
A marca PRODUTO DO EUME ten como finalidade achegar ao consumidor produtos ou servizos de calidade certificados pola ASOCIACIÓN EUROEUME.
Así os elementos diferenciadores da marca son: A produción e distribución a escala local baseada en materias primas locais, produción e manexo tradicional, respecto medioambiental e á paisaxe, así como o fomento do emprego local como elementos cohesionadores do territorio constitúen.
Así mesmo, e dados os valores naturais do territorio ámbito da marca, aínda que partindo dos produtores locais, buscarase a certificación ou cumprimento dos requisitos da certificación de “produción ecolóxica”.
É obrigatorio o cumprimento dos Plans de Ordenación de Recursos Naturais e o Plan Reitor de Uso e Xestión dos espazos naturais protexidos nos que se asenten as actividades produtivas amparadas pola marca.
Tamén é condición imprescindible estar adherido ás diferentes D.O.P (Denominacións de Orixe Protexidas) e I.X.P. (Indicacións Xeográficas Protexidas) existentes no ámbito xeográfico da Marca que amparen a tipoloxía do produto que pretenda acollerse a presente Marca como produto galego de calidade.
O noso compromiso
Produto do Eume pretende sumar esforzos a partir de produtos con tradición e historia, elaborados por produtores con nome e apelidos. Significa apoiar e cooperar cos nosos pequenos produtores, poñéndolle cara e lugar de orixe aos alimentos que consumimos.
Consumir Produto do Eume contribúe ao desenvolvemento sostible da nosa terra, a manter un medio rural vivo, asenta poboación e frea a destrución dos ecosistemas grazas ao mantemento das actividades tradicionais e respectuosas co mesmo. Teñen un impacto positivo para o noso medio ambiente, mantendo a nosa paisaxe contra o abandono.
Unha resposta a veciños e restauradores que coñecen a orixe e a autenticidade dos seus produtos e produtores. Unha garantía para toda a familia polos controis de calidade aos que nos mesmos, como consumidores, produtores ou restauradores, sometemos aos produtos a través do Sistema Participativo de Garantía.
Identifica un estilo de vida en comunidade cos veciños e o entorno baseado nun consumo de alimentos que aseguran a orixe do produto o que redunda en: maiores niveis de seguridade alimentaria, redución de tempos e custes de transporte, de intermediarios, os tempos entre que os produtos son recollidos ou elaborados e os consumimos, etc.
Obxectivos
O fortalecemento comunitario, a protección ambiental e o apoio a economía local son os obxectivos da Marca que redunda nos propios fins da Asociación EuroEume.
Obxectivos:
- Económicos: Crea traballo, fixa poboación, desenvolvemento rural a través das actividades económicas asociadas.
- Sociais: promover a comunidade, a través das visitas gañar relacións, recuperar o territorio como propio a través da visualización do mesmo como espazo onde se asentan as actividades agroalimentarias das que nos beneficiamos.
- Ambientais: Mantemento dos ecosistemas e a paisaxe, redución das emisións de efecto invernadoiro.
De cara ao consumidor:
- Acceder a alimentos de calidade: saborosos e sans, con maior seguridade alimentaria.
- Un prezo xusto: tanto para o consumidor como para o produtor. Sen marxes excesivos de distribución, transporte, nin trasladando o aforro aos operadores do comercio internacional.
Onde
O ámbito territorial da Marca é o definido polas comarcas do Eume é limítrofes, que inclúen un total 35 concellos:
Comarca do Eume: Concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes
Comarca de Ferrol: Concellos de Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.
Comarca de Ortegal: Concellos de Cariño, Cerdido, Mañon e Ortigueira.
Comarca de Betanzos: Concellos de Aranga, Betanzos, Coirós, Curtis. Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Vilarmaior, Vilasantar.
Concellos da Terra Chá qué comparten a bacía do río Eume: Concellos de Xermade, Guitiriz, Muras, Vilalba e Abadín.
Controis e seguimento
A ASOCIACIÓN EUROEUME ou a entidade/empresa designada pola Asociación examinará e comprobará o cumprimento dos requisitos esixidos para o uso da marca, a través da análise da documentación que acompaña á solicitude, e a través de visitas e inspeccións, para o cal o solicitante deberá ademais facilitar o acceso a todas as súas instalacións, así como proporcionar calquera mostra, documento ou información que lle sexa solicitada a maiores.
- A vixencia da autorización do uso da marca, está expresamente supeditada a que se manteñan inalteradas as condicións e o cumprimento dos requisitos segundo os cales se concedeu dita autorización.
- A Asociación EUROEUME supervisará o mantemento das condicións e o cumprimento dos requisitos por calquera medio, sistema ou procedemento que considere adecuado para tal fin, preferentemente a través dun Sistema Participativo de Garantía que dea participación no proceso ás persoas interesadas (consumidores, produtores, restauradores, etc.).
- Farase polo menos unha inspección anual aos operadores que detenten o uso da Marca.