Carne do Eume

A carne que presentamos procede de animais cuxas nais pastan en liberdade nun réxime de produción extensivo, adaptándose aos usos tradicionais de aproveitamentos dos pastos. A  base da alimentación dos xatos é o leite materno e os pastos da propia explotación, o que lle confire á carne unhas características que a diferencian de outras carnes que se poden atopar no mercado.

Esa disposición de base territorial permite que os xatos pasen 7-8 meses no pasto cunha alimentación baseada no leite da nai e na herba, para logo someterse a un proceso de cebado duns 90 días. “Sen o acabado final teriamos unha carne menos acabada; co acabado conseguimos un produto máis tenro, xugoso e cunhas características organolépticas axeitadas”.

Ademais os becerros sacrifícanse entre os 11 e 12 meses, mentres que o sacrificio en Galicia está nunha media de 8 e 9 meses, así a  carne resultante caracterízase por ter unha cor máis escura e ben infiltrada en grasa o que lle confire unha maior tenrura que só se acada en animais adultos.

A alimentación do gando amparado pola Marca adaptase ás normas tradicionais de aproveitamento dos pastos, segundo as peculiaridades típicas que marcaron secularmente a produción cárnica na comarca e que están ligadas a factores xeográficos e sociolóxicos propios de estas comarcas.

O que se pretende é criar aos animais conforme á tradición en explotacións sustentables, que aproveiten os recursos naturais das mesmas, para obter unha carne de calidade con tenrura e sabor. Estas dúas últimas características diferencian a carne “Produto do Eume” doutras carnes –industriais- do mercado.